O coñecemento que temos das realidades que nos rodean vén mediado polos intereses que temos na nosa relación con elas, e como isto é algo que cambia constantemente adaptamos o coñecemento desas realidades ao momento e ao contexto. Individualmente tamén temos un concepto variable, xa que, verémonos e verannos os demáis dunha forma ou outra dependendo dos xogos de intereses en que esteamos mergullados en cada momento.
Somos seres sociables, e como tales dependemos de diversos grupos que veñen creados ou son de nova creación para poder sobrevivir, e estes grupos son tales porque teñen algo en común, ben sexa a familia, unha situación económica ou outras moitas semellanzas. E para acomodar todo isto, o ser humano vive nun espazo, que tamén é relativo dependendo das individualidades que o teñan en mente, polo que sempre será unha adaptación persoal que cambia no espazo e no tempo.
Esta reflexión vén dunha lectura que estaba a facer por motivos académicos e pensando en por qué Burela é diferente ou semellante ao resto das realidades sociables nas que me movo.
As realidades das que falo son diversas pero ao pensar no meu pobo teño que dicir que me veñen á cabeza certas inquedanzas persoais que non podía deixar fuxir no barco dos soños. Estas inquedanzas son realidades sociais das que formo parte e nas que todos temos algo que dicir.
Temos todos algo que dicir porque vivimos nunha realidade multicultural con pretensións de chegar a ser un modelo a seguir mundialmente, por iso fixen a anterior reflexión, que temos de distinto? que é o que nos fai ver as cousas de distinta maneira? por qué somos unha illa lingüística no medio dun deserto que se expande ao son dunha seca que non ensina a súa fin?
Para poder responder a esas preguntas teremos que facer unha visión da situación real que temos e como chegamos a esta situación.
Podería comezar falando de como chegaron ata esta localidade as distintas razas, etnias, nacionalidades coas que convivimos, pero faría falla un espazo moi superior do que dispoño. Así, vou directamente ao asunto que me percorre o sistema neurolóxico. Vivimos nunha sociedade galegofalante nunha porcentaxe moi elevada, atrévome a dicir que é a máis alta de Galiza neste tipo de poboación, onde os emigrantes que acollemos son de diversas zonas xeográficas e políticas.
Atendendo a un video que vin sobre o Modelo Burela, non deixei pasar a certeza que alí se expoñía, e non era outra que os emigrantes que viñan dun estado foraneo adaptaban a súa lingua á que existía na súa realidade diaria, mentres que os que viñan deste mesmo estado (España), facían caso omiso ao factor lingüístico presente (salvo excepcións). Isto fíxome pensar sobre o por qué deste modelo lingüístico no concello.
Despois de cavilar durante moitas horas e moitos días, cheguei á conclusión de que, e como dicía ao comezo deste texto, as realidades existentes varían segundo as persoas que as miran, e estas persoas tamén son produto dunha variación persoal. Así pois, entendín que cando os emigrantes, que non viñan deste estado, chegaron a Burela e encontraron unha realidade ben acomodada e compacta na que estaban inmersos todos os seus habitantes, polo que fixeron o mesmo que farían outros que dende aquí emigraron a outro paises, adaptáronse á forma de vida que existía, na que entraba a lingua, e como vian que a lingua que aquí falabamos era o galego, chegaron á conclusión de que en galego chegarían a unha adaptación rápida e cómoda na que se integrarían nesa realidade que dende o seu punto de vista era a única que existía.
Por outra banda, os emigrantes que chegaron dende fóra deste país, pero dende o mesmo estado, non viron a necesidade de adaptarse a ningún nivel, xa que traían outra vista da realidade existente que non tiñan outros emigrantes. Esta realidade é a que provoca unha situación política que creou certos prexuízos lingüísticos partindo doutros intereses.
Sen entrar en política, que xa estaba chegando a un discurso intragable, só quería ver cal era a visión tan distinta dunha mesma realidade entre uns e outros e o por qué desa visión.
Teriamos que facer todos un traballo de revisión de prexuízos e ver que agora todo o mundo está a sufrir unha situación política similar neste senso.
Con todo, e por todo isto, é innegable ver que en Burela hai unha situación de convivencia moi positiva e exemplar. So hai que ver os telexornais diariamente para saber que vivimos nun lugar no que a palabra que o define podería ser tranquilamente Respectuoso.
Aquí cando chega alguén de fóra e pasa uns días, o normal é que volva e que repita as visitas con regularidade e iso é porque hai algo nesta sociedade que nos fai especiais.
Fago esta visión dende un punto de vista moi peculiar debido á miña ocupación no ámbito da lingua, por iso levo unha gran idea a unha pequena parte da realidade existente.
Seguindo con estas realidades e co respectuoso que é o noso pobo, quería chamar a atención noutro campo que me ocupa: a toponimia local, dos topónimos entre os que vivimos. Os topónimos son os nomes propios dos lugares, eses nomes que perviven durante moito tempo, que son un patrimonio tan importante como pode ser a conservación dun castro, dunhas pinturas ou de calquera obxecto importante.
Estes nomes, topónimos, foronse perdendo ao longo dos anos por mor da creación de novas infraestruturas, tanto rúas, prazas, como edificios... Non creo que a creación de formas novas teña que ser unha xustificación para cambiar nomes de espazos que sempre estiveron aí, e que non mudaron a súa situación ao longo do tempo.
Burela, como zona costeira que é, ten unha cantidade asombrosa de topónimos dos cales só coñecemos unha minúscula parte. Podemos coñecer topónimos como poden ser o Castelo, a Vila do Medio, a Marosa, Burela de Cabo, o Campón, Ril... pero deberiamos saber moitos máis.
Penso agora neses mariñeiros que empregan un GPS moi antigo que é a localización das zonas de pesca por referencias terrestres, das que en cada punto teñen un nome que eles coñecen, cada recuncho da ribeira ten un nome que, agás xente de mar, ninguén coñece. Cantos milleiros de topónimos acabaran desaparecendo por non mantelos e transmitilos?
Chamaranme moitas cousas ao dicir isto, pero imos a algo máis común, cómo se chama o lugar que agora coñecemos como Praza da Mariña?, ou cómo se chama o que agora é a Praza do Concello?, quen sabe como se chama o rio que vai canalizado baixo as rúas de Burela? Son lugares moi coñecidos, nos que estamos a diario pero dos cales non temos consciencia de que sempre tiveron un nome popular e que non é o que actualmente teñen. Nun concello con topónimos tan fermosos como poden ser os Castros, a Lamela, a fonte corval... como é posible que non coñezamos e respectemos outros que teñen tanta importancia como os xa citados?
Propoño un estudo toponímico local para saber cal é a nosa realidade e a nosa forma de pensar historicamente, ca que nos topónimos agóchanse formas que desvelan as inquedanzas e a visión que os nosos antepasados tiñan con respecto ao lugar onde vivimos. Sería todo un luxo manter a toponimia local, sendo respectuosos co que nos rodeou sempre.
Dende os castrexos, poño estes por ser o primeiro asentamento do que temos constancia neste lugar, e pasando polos romanos e a romanización, os suevos ou bizantinos ata os nosos días e falando de onomástica, os nomes que menos variaron foron os topónimos, e digo que non variaron moito con respecto a outras formas. Por iso propoño, tanto a nivel local como nacional, que se recuperen os nomes e que non lle cambiemos o nome aos lugares que xa teñen unha nomenclatura tradicional, xa que é un ben inmaterial que debemos respectar e que moitas veces se cambia para adicar rúas a persoas que nunca fixeron nada, e se o fixeron foi para mal, outra fixeron as cousas ben, pero cada un terá o seu espazo na historia se a sociedade ve que o merece, pero os topónimos non fan outra cousa que designar realidades que nos acollen sen máis.
En definitiva, se vivimos nun pobo especial, distinto, e con ansias e esperanza de que siga medrando e siga sendo cada vez mellor, intentemos manter esa diferenciación do que nos rodea e fagamos o posible para mellorar esta marca que gañamos a pulso facendo xestos especiais e que nos desmarquen do percorrer rutinario que vai ditando este mar, que nos fai crer que só hai un vaivén oscilatorio para manter o ritmo. Naveguemos na dirección correcta, pero na que nós mesmos rememo cara a mesma meta.